A integración e consideración da perspectiva de xénero, estase a consolidar no proceso de elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, e esta é a cuarta vez que se inclúe entre a documentación orzamentaria un informe de impacto de xénero que trata de realizar unha análise, dende o punto de vista da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, dos programas de gasto que integran o proxecto de orzamentos.
Ter en conta a perspectiva de xénero, implica examinar o xeito en que a distribución de recursos orzamentarios afecta ás oportunidades económicas, sociais e persoais de mulleres e homes, e medir o impacto do gasto público en relación cos obxectivos de igualdade de xénero.
Hai que resaltar, unha vez máis, a colaboración das distintas consellerías da Xunta de Galicia que facilitaron a información necesaria, a través da ficha elaborada pola Secretaría Xeral da Igualdade, que permitiu a elaboración deste informe de impacto de xénero. Valórase especialmente que, grazas a información incluída nas fichas de análise de xénero, por primeira vez foi posible analizar varios programas da Consellería de Medio Ambiente.
Deste xeito, 83 programas orzamentarios xestionados polas distintas consellerías, foron obxecto de análise dende o punto de vista do xénero.
Sinalar que a valoración do proxecto de orzamentos para o ano 2017 dende o punto de vista da integración da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade entre mulleres e homes debe ser POSITIVA, e que un orzamento con enfoque de xénero permite fortalecer a eficacia das políticas públicas, aumentar a transparencia e mellorar a calidade dos servizos públicos.
Consolidar esta liña de traballo, sensibilizando e formando a todos os centros xestores sobre a importancia de ter en conta a variable de xénero nos seus programas de gasto, permitirá mellorar a calidade deste informe e avanzar cara a avaliación das políticas públicas dende o punto de vista do xénero.