A elaboración de orzamentos con perspectiva de xénero non trata só do seu contido, tamén se trata dos procesos involucrados na elaboración do orzamento, para que inclúan análises, consultas e reaxustes que permitan ter en consideración as distintas necesidades de mulleres e homes.
A Orde do 23 de xuño 2025 pola que se ditan instrucións para a elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 (DOG núm. 119 do 24/06/2024), indica que “(…)a elaboración dos orzamentos inscríbese nun contexto de consolidación da orientación estratéxica da política orzamentaria,(…). Neste marco, a planificación orzamentaria para 2026 reforza a súa aliñación co PEG, que constitúe o eixe vertebrador das políticas públicas autonómicas e o referente fundamental para a programación plurianual dos recursos. A elaboración dos orzamentos por resultados e o seguimento de indicadores de realización convértense, así, en piares esenciais para a avaliación do impacto das políticas públicas, a xestión orientada a resultados e a rendición de contas.(…)Neste contexto, os recursos públicos orientaranse a impulsar a modernización do tecido produtivo mediante a transición dixital e ecolóxica, o fortalecemento da industria e a innovación e o fomento da investigación e desenvolvemento (I+D). Así mesmo, promoverase un investimento público transformador e modernizador dos servizos esenciais como a sanidade, a educación, a atención á dependencia ou a vivenda, coa finalidade de garantir a igualdade de oportunidades e a atención ás persoas máis vulnerables. Tamén se potenciarán a mobilidade sustentable e a conectividade territorial, co obxectivo de avanzar na cohesión social e espacial de Galicia. Xunto a isto, reforzarase a capacitación e inserción laboral da poboación activa, así como o apoio ao emprendemento, ao comercio local e aos sectores produtivos tradicionais e emerxentes, con especial atención ao seu arraigo no territorio e á sustentabilidade a longo prazo. Impulsarase o turismo sustentable como un elemento vertebrador do territorio completando a planificación do vindeiro ano Xacobeo 2027.”

