O VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 aprobado polo Goberno galego recolle entre as prioridades de actuación consolidar a transversalidade de xénero nos orzamentos.
Por todo isto, trabállase co obxectivo de incorporar, de xeito transversal, a igualdade de xénero nas fases de elaboración, execución e liquidación do orzamento, creando unha cultura de elaboración orzamentaria na que, de xeito paulatino, cada centro xestor sexa consciente da pertinencia de xénero e do potencial efecto dos seus programas de gasto na consecución da igualdade entre mulleres e homes.
Xa que, dende o punto de vista orzamentario, a introdución da perspectiva de xénero constitúe unha oportunidade para avanzar cara un orzamento orientado a resultados, permitindo conseguir unha maior igualdade, pero tamén unha maior eficiencia económica e, polo tanto, deseñando políticas máis efectivas que contribúan á redución das desigualdades de xénero.