Esta é a sétima vez que se inclúe entre a documentación orzamentaria un informe de impacto de xénero que trata de realizar unha análise, dende o punto de vista da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, dos programas de gasto que integran o proxecto de orzamentos.
O orzamento é a declaración máis completa dos planes e prioridades sociais que se pretenden desenvolver e afrontar. Os orzamentos determinan como se recadan os fondos públicos, como se usan e quen se beneficia deles. Polo tanto, o compromiso cara a igualdade de xénero require de medidas para incorporar a perspectiva de xénero no marco da planificación do orzamento e tamén investimentos concretos que permitan abordar as
brechas de xénero que podan existir.
O orzamento con perspectiva de xénero non consiste en crear partidas específicas para as mulleres, ou en incrementar o gasto en programas para mulleres. Pola contra, busca garantir que a asignación de recursos públicos se leve a cabo de xeito efectivo e contribúa a promover a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, proporcionando ferramentas para avaliar as diferentes necesidades e contribucións de mulleres, homes, nenas e nenos dentro dos ingresos, gastos e asignacións existentes, para axustar as políticas orzamentarias e conseguir beneficiar con equidade a todos os grupos.
Por iso, a análise orzamentaria con perspectiva de xénero, xunto coa lexislación e outros medidas de carácter político que se leven á práctica, permiten abordar a discriminación de xénero e constitúen un paso importante para conseguir unha maior transparencia pública e unha maior eficacia e eficiencia dos recursos.
Aínda que é certo que hai marxe para a mellora, sobre todo no relativo á análise non só dos programas de gasto, senón tamén dos ingresos, consolídase a integración e consideración da perspectiva de xénero no proceso de elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.