Esta é a sexta vez que se inclúe entre a documentación orzamentaria un informe de impacto de xénero que trata de realizar unha análise, dende o punto de vista da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, dos programas de gasto que integran o proxecto de orzamentos.
Os orzamentos constitúen a estrutura arredor da que se establecen as prioridades políticas e, polo tanto, contan coa capacidade para conseguir que as actuacións se orienten a conseguir unha igualdade de oportunidades entre mulleres e homes real e efectiva, e para iso resulta imprescindible integrar a perspectiva de xénero nos traballos de elaboración do proxecto de orzamentos o que permitirá detectar as posibles desigualdades para tratar de eliminalas, o que se traduce nunha maior eficacia e eficiencia na asignación dos recursos, ao tempo que se aporta riqueza e cohesión social. Ao mesmo tempo, a introdución da perspectiva de xénero constitúe unha oportunidade para avanzar cara un orzamento orientado a resultados.
E isto encaixa perfectamente con unha das prioridades do novo período de programación de fondos europeos 2014-2020, cos que se sustentan moitas das actuacións que se pretenden levar a cabo polas distintas consellerías da Xunta de Galicia.
Aínda que é certo que hai marxe para a mellora, consolídase a integración e consideración da perspectiva de xénero no proceso de elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Xa dende o primeiro momento, nas instrucións para a elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, recollidas na Orde do 4 de xuño de 2018, indícase que a asignación de recursos artellarase a través da mellora da cohesión social, o benestar e a calidade de vida, facendo especial fincapé, entre outros aspectos na igualdade de oportunidades. Tamén se recolle que a Comisión de análise e
avaliación dos obxectivos dos programas de gasto prestará especial atención aos obxectivos transversais e principios horizontais do PEG 2015-2020, e entre estes atópase o de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes; e a Secretaría Xeral da Igualdade formará parte desta Comisión así como da subcomisión de análise de xénero, que ten como finalidade analizar o impacto dos programas de gasto na erradicación das fendas de
xénero detectadas e que realizará as recomendacións necesarias para a incorporación da perspectiva de xénero aos orzamentos.
Resulta necesario poñer de manifesto a colaboración das distintas consellerías da Xunta de Galicia que facilitaron a información necesaria, a través da ficha elaborada pola Secretaría Xeral da Igualdade, que fixo posible a elaboración deste informe de impacto de xénero e que foran obxecto de análise dende o punto de vista do xénero a maioría de programas orzamentarios (analizáronse un total de 89 programas de gasto).
Por último, sinalar que a valoración, dende o punto de vista da integración da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade entre mulleres e homes, do proxecto de orzamentos para o ano 2019 debe ser POSITIVA, e que un orzamento sensible ao xénero permite, ademais de promover obxectivos de equidade, fortalecer a eficacia das políticas públicas, aumentar a transparencia e mellorar a calidade dos servizos públicos.