A integración e consideración da perspectiva de xénero, estase a consolidar no proceso de elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, e esta é a quinta vez que se inclúe entre a documentación orzamentaria un informe de impacto de xénero que trata de realizar unha análise, dende o punto de vista da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, dos programas de gasto que integran o proxecto de orzamentos.
Ter en conta a perspectiva de xénero, implica examinar o xeito en que a distribución de recursos orzamentarios afecta ás oportunidades económicas, sociais e persoais de mulleres e homes, e medir o impacto do gasto público en relación cos obxectivos de igualdade de xénero.
Hai que resaltar, unha vez máis, a colaboración das distintas consellerías da Xunta de Galicia que facilitaron a información necesaria, a través da ficha elaborada pola Secretaría Xeral da Igualdade, que permitiu a elaboración deste informe de impacto de xénero.
Deste xeito, os programas orzamentarios xestionados polas distintas consellerías, foron obxecto de análise dende o punto de vista do xénero.
Sinalar que a valoración do proxecto de orzamentos para o ano 2018 dende o punto de vista da integración da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade entre mulleres e homes debe ser POSITIVA, e que un orzamento con enfoque de xénero permite fortalecer a eficacia das políticas públicas, aumentar a transparencia e mellorar a calidade dos servizos públicos.
Consolidar esta liña de traballo, sensibilizando e formando a todos os centros xestores sobre a importancia de ter en conta a variable de xénero nos seus programas de gasto, permitirá mellorar a calidade deste informe e avanzar cara a avaliación das políticas públicas dende o punto de vista do xénero.