Este é o segundo ano no que se realiza unha análise exhaustiva, dende o punto de vista da integración da igualdade, dos programas de gasto que integran o proxecto de orzamentos e este informe de impacto de xénero é un dos elementos necesarios para a incorporación da perspectiva de xénero no proceso de elaboración dos orzamentos da Xunta de Galicia.
Mantívose a participación da Secretaría Xeral da Igualdade nas reunións da comisión de obxectivos e programas que a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos organizou con cada un dos departamentos da Xunta de Galicia.
Producíronse avances no proceso de incorporación da perspectiva de xénero á elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma: as consellerías a integraron de xeito transversal en moitos dos seus programas de gasto e tamén incorporaron en moitos casos accións específicas que se van a financiar dentro deses programas e que poderán ter incidencia directa na redución ou eliminación das brechas de xénero que aínda persisten en
moitos dos ámbitos de actuación das políticas públicas.
Respecto dos programas de gasto que manifestan ter algunha relevancia dende o punto de vista da igualdade entre mulleres e homes, debería revisarse polas consellerías a identificación dalgúns dos programas de gasto que continúan clasificándose como programas que financian exclusivamente actividades administrativas de xestión e dos que, polo tanto, se indica que carecen de impacto dende o punto de vista do xénero.
Na maior parte do texto que integra as memorias elaboradas por cada un dos departamentos da Xunta de Galicia utilízase de forma maioritaria unha linguaxe inclusiva e integradora, aínda que se recomenda revisar os textos para que este cumprimento chegue ao 100%.