Dende o punto de vista de inclusión da perspectiva de xénero, debe facerse unha valoración POSITIVA do proxecto de Lei de orzamentos xa que:
A memoria que acompaña ao proxecto de Lei inclúe por primeira vez un apartado específico no que cada departamento analiza dende o punto de vista da perspectiva de xénero os seus programas de gasto e as actividades, accións ou proxectos que pretende financiar indicando, de ser o caso, de qué xeito van influír na fenda de xénero.
A maior parte dos programas de gasto dos distintos departamentos da Xunta de Galicia inclúen, en maior ou menor medida, actuacións específicas que pretenden reducir as desigualdades entre mulleres e homes ou ben recollen a intención de introducir a perspectiva de xénero no deseño e/ou na execución dos proxectos que se van financiar, polo que se pode concluír que son uns orzamentos nos que se integra de xeito transversal o
principio de igualdade de oportunidades, tal e como esixe a normativa estatal e autonómica e recollen numerosas directrices comunitarias.
Moitas das actuacións que se pretenden financiar nos programas de gasto encádranse nalgún dos obxectivos operativos do VI Plan Galego de igualdade entre mulleres e homes. Estratexia 2013-2015.
Esta integración transversal da perspectiva de xénero obsérvase tamén no proceso de elaboración dos orzamentos, e así a Secretaría Xeral da Igualdade participou nas reunións da comisión de obxectivos e programas que mantivo a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos con cada un dos departamentos da Xunta de Galicia.