Esta é a décima vez que entre a documentación orzamentaria figura un informe de impacto de xénero que trata de realizar unha análise, dende o punto de vista da igualdade
de oportunidades entre mulleres e homes, dos programas de gasto que integran o proxecto de orzamentos, e que inclúe naqueles programas máis relevantes dende o punto de
vista do xénero unha análise dos resultados obtidos no ano anterior, coas actuacións máis importantes que se levaron a cabo.
A elaboración de orzamentos con perspectiva de xénero ou sensibles ao xénero non trata só do contido dos orzamentos, tamén se trata dos procesos involucrados na dita elaboración. A transversalización da orzamentación require un compromiso que inclúa análises, consultas e reaxustes para ter en conta as necesidades diferentes de mulleres e homes, nenos e nenas, de xeito que se podan corrixir de forma máis permanente as inequidades que seguen a existir en moitos ámbitos e focalizar dun xeito más eficiente a necesidade para a que se deseñou cada programa e liña de gasto.